WC (Women’s Confessional) é unha comedia feminista, que narra as diferentes anécdotas e situacións, que viven as mulleres dentro das catro paredes do aseo dunha discoteca nas noites de esmorga. Todas estas historias xiran arredor de seis protagonistas femininas de diferentes rangos de idade, comprendidos entre os vinte e os corenta anos: Marta e Eva (década dos vinte), Ana e Xulia (década dos trinta) e Bea e Lis (década dos corenta).
Co feminismo e a sororidade por bandeira, as rapazas darán voz a diferentes vivencias, que en maior ou menor medida, toda muller experimentou nalgún momento da súa existencia, facendo unha crítica en ton de comedia para tratar os temas máis transcendentais cos que o xénero feminino ten que lidiar hoxe en día. Neste senso, a diferenza de idade, que existe entre elas, fará que cada unha se enfronte ás situacións, máis ou menos vergoñentas, de distinta maneira, así como ante os temas como o sexo, as redes sociais, o amor, o traballo…
As protagonistas, cada unha coas súas particularidades definitorias, tanto físicas como psicolóxicas, ademais de manifestar a súa opinión sobre diversas cuestións, tamén, tratarán de expor con total normalidade asuntos aínda considerados “tabú”, a pesar de acharnos en pleno século XXI, como a menstruación ou a masturbación feminina, entre outros moitos. Estas visitas ao aseo crearán situacións divertidas e, cando menos, surrealistas, baseadas na súa maioría en historias reais.
All rights reserved