2209091965047
Azul91
09/09/2022
Nunha discoteca madrileña, un científico alemán dálles a Amelia e André senllas pastillas de a91. Aos poucos días, os xornais informan do suicidio do científico. Supostamente, unha pastilla pode curar todas as enfermidades. Vinte anos despois daquel estraño suceso a parella volve reunirse: ambos están convencidos de que as súas vidas perigan por culpa do a91.
Os feitos parecen confirmalo: aos poucos días desa reunión, André falece repentinamente e Amelia decide esconderse para non correr a mesma sorte. Pero tamén é posible que os seus medos carezan de fundamento. Laura, a muller de André, cre que o seu home morreu por culpa dunha infección, de maneira natural. Ricardo, un detective privado, opina o contrario: as farmacéuticas non poden permitir que un medicamento coma o a91 saia á luz.
E por que entón tardaron tantos anos en atacar? A razón pode estar nun exitoso cadro de Amelia, o Azul91, inspirado nas pastillas do alemán. Explícao todo nunha entrevista gravada que enseguida se volve viral. O a91 corre como a pólvora polas redes e acaba acorralando a unha Laura escéptica, máis preocupada polo pasado oculto de André que polas supostas causas da súa morte.
All rights reserved