Cada persoa posúe as súas propias capacidades, que poden estar máis ou menos desenvoltas. Así, unha persoa pode ter unha competencia comunicativa moi desenvolvida e, non obstante, unha limitación á hora de comprender un texto escrito. Neste contexto sitúase a lectura fácil.
A lectura fácil xorde da necesidade daquelas persoas que presentan certas dificultades para comprender o que len. O acceso á información, á cultura e á literatura é un dereito fundamental que inflúe no día a día de calquera persoa e require de ferramentas que faciliten a súa comprensión. Desta forma, a lectura fácil contribúe ó desenvolvemento autónomo de calquera.
A hipótese deste traballo de investigación é, por un lado, que o método da lectura fácil facilita a aprendizaxe dunha lingua, no caso no que nos atangue, da lingua galega; e, por outro lado, que a aplicación deste método na educación secundaria é efectiva.
Para comprobar esta hipótese, levouse a cabo unha proba, na materia de Lingua e Literatura Galega, destinada ó alumnado de 1eiro de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de agrupamento especial (tamén coñecido como de diversidade funcional). Os datos obtidos manipuláronse estatisticamente para interpretalos posteriormente.
O presente traballo consta de catro capítulos que se describen a continuación. No capítulo 1, a Introdución, explícase o marco no que xorde a xustificación deste estudo. Tamén se especifican a metodoloxía empregada e a estrutura. O capítulo 2, a Fundamentación teórica, establece os obxectivos e a descrición da metodoloxía. Este capítulo fai referencia ós distintos proxectos nos que se utiliza a metodoloxía. No capítulo 3, O estudo experimental, lévase a cabo a proba para determinar se o método resulta eficaz. No capítulo 4, Conclusións, compróbase se a hipótese e os obxectivos inicialmente propostos se acadaron. En Referencias bibliográficas, inclúese o listado da bibliografía consultada e que verifica os datos expostos.
Ademais destes capítulos, preséntase un apartado máis, os Anexos, no que se achega o modelo da proba realizada e se ofrece distinta información pertinente á metodoloxía.
Este traballo pretende servir como preámbulo para futuras análises e investigacións e contribuír ó coñecemento de novos métodos de aprendizaxe e de ensinanza relacionados co campo das linguas.
Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivatives 4.0